En 1978 abriuse no Grove unha escola de danza que se distinguía por dúas
características: a amplitude na tipoloxía do obxecto de ensino e o
numeroso do seu alumnado. Non era máis ca unha escola, pero por ela
pasaron varias xeracións de grovenses nas que a institución deixou fonda
pegada.
Nun
determinado momento unha destas xeracións (que, de tanto frecuentala,
fixera da escola a súa segunda casa) foi quen de coller o relevo na
dirección e organización das clases e das actividades. Empezaba a
madurar a idea de facer da escola algo máis amplo, e dita idea
concretouse cara a 1994, cando a estas persoas se sumaron outras con
quen tiñan en común a afección pola danza e a música propias do país.
Así rematou por xurdir Cantodorxo, unha asociación que ten o seu cerne
no baile como manifestación estética e escénica dunha cultura.
Actualmente a Asociación
está formada polas seccións de Grupo de Baile Tradicional, Escola de
Baile, Grupo de Majorettes, Grupo de Pandeireteiras e Grupo de Gaitas e
percusión. Sumando tódalas seccións
que a forman, a Asociación Cultural Cantodorxo está integrada por uns
130 compoñentes e alumnos, sendo a Escola de Baile a máis numerosa.